A opinión de...
Larafuzas
"ASÍ COMEZOU TODO"
- As raíces do Celta poden ir moi profundas, entrelazadas coas raíces do fútbol en España. Para entender mellor como chegamos ata hoxe, remontaremonos a mediados do século XIX, cando alguén puxo en marcha un ambicioso proxecto empregando Vigo como medio para conseguilo. E de rebote, chegounos o balón de fútbol e comezamos a xogar. Tentaremos facernos unha imaxe de como era a cidade daquela, repasaremos os nomes dalgúns equipos antigos, uns máis coñecidos que outros, e o de algunhas persoas que aportaron o seu grao de area para facer realidade o Real Club Celta de Vigo.
1. O fútbol chega a Vigo por cable
O primeiro “alguén” chamábase John Pender, un rico comerciante de algodón escocés que quería conectar Inglaterra con América do Sur, África, Asia e Oceanía por cable telegráfico. Para iso fundou The Eastern Telegraph Co Ltd, a que convertirase na maior empresa de telégrafos submarinos do mundo, elixindo Vigo como unha das cidades onde instalarse. Vigo pasaría a ser a porta das comunicacións entre Europa e o resto do mundo, todas iban Vía-Vigo.
John Pender, o "Vía Vigo" e o mapa das comunicacións coa cidade
Cando este señor chegou a Vigo (1873), a nosa cidade era moi diferente á que hoxe coñecemos. Por destacar algúns puntos, contaba con algo máis de 10.000 habitantes, unha cifra que viña aumentando exponencialmente gracias ao goteo de empresarios que comezaran a chegar vendo o potencial da cidade coa apertura das súas fábricas. Lavadores e Bouzas eran aínda concellos independentes. Pasaran tan só dez anos dende que Rosalía de Castro publicara Cantares Gallegos poñendo fin aos Séculos Escuros de Galicia, vinte dende que se fundara Faro de Vigo, e sesenta e catro dende que Cachamuíña se abrira paso a través da porta de Gamboa cun machado e os vigueses lograran liberar a vila dos franceses. O litoral da cidade estaba cheo de areais, como a Praia de Coia ou a de San Sebastián. O ferrocarril estaba a punto de chegar, inaguraríase pronto a liña Vigo-Orense tras case vinte anos de obras.
Pintura co aspecto da vila por entonces
A fotografía máis antiga coñecida de Vigo (1867). Pode estar tirada dende Urzáiz
Plano das parroquias pertencentes a Bouzas
Acababan de ser derrubadas as murallas que mantiñan encorsetada a cidade. Vigo iniciaba así a súa expansión, comezando a construír o proxecto "Nueva Población", o primeiro gran recheo da cidade, onde hoxe está a Alameda. Neses "Cuadros del relleno" ou "Malecón" e onde The Eastern Telegraph Co Ltd construiría parte das instalacións deportivas para os seus empregados. Onde comezarían a xogar ao fútbol en Vigo.
Plano do proxecto Nueva Población, máis o plano de hoxe coa zona afectada sombreada
Panorámica do avance das obras, máis o resultado final da primeira fase do proxecto
2. Roda o balón: Exiles Club
Os traballadores ingleses da empresa chegan cunha pelota baixo o brazo e comezan a xogar. Crean na súa asociación un equipo chamado Exiles Football Club, nome derivado do alcume Exiles, xa que así foron alcumados cando estaban lonxe da súa terra natal, Porthcurno. Camisa branca, pantalóns e calcetíns negros, comezaron a xogar entre eles, para enfrontarse posteriormente ás tripulacións dos barcos ingleses que chegaban a Vigo e chegando mesmo a xogar unha Copa de Primavera. Como se pode apreciar, os vigueses non escondían a súa curiosidade por iso do "foot-ball".
Partidos no campo do Exiles. Primeiras fotos da historia?
3. Vigo Sport Club e Petit Foot-ball Club
En 1885 fúndase a Escola de Artes e Oficios de Vigo. Jose García Barbón encomenda ao arquitecto Michel Pacewicz o deseño do edificio, que será inaugurado en 1900. Son os alumnos deste colexio, xunto con algúns británicos da cidade, os que fundan o Vigo Sport Club no verán de 1903. Coas cores da bandeira da provincia marítima de Vigo, encabezada polo gran atleta amateur Manuel Ocaña, comezan a disputar os seus partidos no campo do Exiles.
A Escola de Artes e Oficios. Por sorte ainda podemos disfrutar hoxe do seu deseño orixinal
Case ao mesmo tempo, xurdiu tamén en 1904 a sociedade Petit Foot-ball Club, dirixida por Francisco Estévez. Roupa totalmente branca, comparte campo cos Exiles e o Vigo Sport Club os primeiros partidos. Será en 1905 cando presenten os seus estatutos e pasen a coñecerse oficialmente como Fortuna Foot-ball Club, con sede en Bouzas, concello que acababa de deixar de ser municipio para formar parte de Vigo. Un mes antes fundase tamén o Español Foot-ball Club. En 1905 suceden varias cousas ademáis do nacemento do Fortuna. Constituíronse sociedades máis novas, como o New Club ou o Marítimo F.C., ademais do Regimiento de Infantería de Murcia, combinado militar con sede na cidade. O Vigo Sport Club pasa a chamarse Vigo Foot-ball Club, o Rei Alfonso XIII concédelle unha copa de prata coa que organizan a Copa do Rei de Galicia.
Formación do Fortuna 1908. Nótese que o escudo tamén carece de coroa
Formación do Vigo FC
Un ano despois, o Vigo FC absorbe o New Club, mentres seguen aparecendo novos equipos, como o Industriosa F.C, o Teis F.C ou o Alcabre F.C. O Vigo F.C xa era un referente en Galicia, pero tras esta absorción converteuse nun proxecto máis sólido que levouno a proclamarse campión de Galicia en 1907 e representar a súa comarca por primeira vez no campionato de España dese ano. Nese mesmo ano fúndase en Bouzas o Círculo Recreativo Liceo Marítimo de Bouzas, un club náutico dende o que, despois duns anos, un grupo de socios comezará de forma independente a coquetear coa práctica do fútbol. En 1908 o Fortuna F.C. estrenou o Campo de Bouzas, cedido por Rafael Tapias, contribuíndo a desconxestionar o campo pequeno dos Exiles. Tamén recibe do Rei o título honorífico de Real. O seu xa rival Vigo F.C. Seguía sendo o mellor, validando o seu triunfo autonómico en 1908 e presentándose na Fase Final do Campionato de España ante o Madrid C.F, pero a partir dese momento é o Real Fortuna o que encadea varios campionatos galegos consecutivos (1909, 1910, 1911 e 1912). O Vigo F.C pola súa banda abre o Campo de Coya, e pouco despois absorbe ó Español FC.

Campo de Bouzas, onde hoxe está a nave de Alfageme
A final da Copa do Rei de 1908 entre o Vigo FC e o Madrid FC
Campo de Coya, na Rúa Coruña. Apréciase tamén a expansión do tecido industrial da cidade, con Albo, Barreras, La Artística, MAR.SA...
O fútbol estaba a eclosionar en Galicia, sobre todo en Vigo, polo que en 1909 fundouse a Federación Galega, sendo o seu primeiro presidente Manuel Bárcena de Andrés, Conde de Torrecedeira. En 1911, antigos socios da sociedade Real Club Náutico de Vigo inscribiron o Sporting Club, dirixido e presidido por Fernando Bárcena, coa intención expresa de acometer calquera actividade ao aire libre, tanto na auga como en terra, recuperando as regatas, o tiro ao pombo, así como facerlle un guiño ao fútbol coa optimización dunha sección dedicada a este deporte. Dous anos despois chegouse a un acordo co Vigo FC para a fusión, dando lugar ao Vigo Sporting Club, que mantivo a súa clásica camisola pero non o seu tradicional pantalón branco, agora azul, un acordo que non rematou aí e que tamén reportou puntos moi positivos como como as disciplinas de expansión, o atletismo converteuse nun dos principais piares. En 1914, gracias á intermediación do deputado Ángel Urzáiz, foi concedida a presidencia de honra polo rei Alfonso XIII, co que se converteu no Real Vigo Sporting Club. Motivados, conseguen os campionatos autonómicos de 1914, 1917, 1918, 1919, 1920 e 1923. Tamén en 1914 celebrouse o primeiro encontro entre dous equipos de xogadores da sociedade Rápido Football, nome adquirido por aqueles mozos do Liceo Marítimo de Bouzas que, empregando as cores identificativas do club náutico, vestían unha camiseta negra gualdinegra, con pantalóns brancos.

Manuel Bárcena de Andrés, II Conde de Torrecedeira
A rivalidade entre o Real Vigo Sporting Club e o Real Fortuna FC é cada vez máis tensa, cunha afección cada vez máis afastada. Mentres, en Vigo seguen aparecendo cada vez máis clubs de fútbol que satisfarán as ganas de xogar a moitos mozos que sen cabida nos primeiros equipos queren practicar este deporte. A Gimnástica F.C, a máis antiga delas, o C.D. Español, o Iberia F.C, o Iris F.C, o Galicia Sporting Club, o Chao Sporting, o Europa F.C, o Deportivo de Coya e os equipos do barrio de Lavadores, entre eles o Comercial F.C. e Victoria Sport Club, ambos fusionados en 1922 como Unión Sporting Club. É en 1917 cando se rexistra oficialmente o Rapido Football Club.
Inauguración do campo de Barreiro para o Unión SC en 1922
3. Chega 1923, o ano da fusión
Os dous equipos máis importantes da cidade seguían compitíndo cada ano entre sí para representar ao fútbol galego no Campionato de España fronte aos demáis clubs galegos. Esta loita, claramente fratricida, e á que os fortunistas engadiran recentemente os títulos autonómicos de 1915, 1921 e 1922, garantiu case todos os anos un club vigués na devandita competición, pero non suficientemente forte para conseguir un título. O xornalista Manuel Castro "Hándicap", redactor en Sprint e Faro de Vigo que en 1915 xa convocara unha fusión entre os dous grandes, durante este período ocupou diversos cargos na escala futbolística chegando en 1922 á presidencia da Federación Galega, cargo que abandonou a finais de ano en favor de Camilo Bernárdez, e a vicepresidencia no Real Vigo Sporting Club, que lle permitiu probar o terreo e gañar adeptos para propoñer unha unión definitiva que agora sí adquiriu tintes de verosimilitude.
Don Manuel Castro "Handicap"
As conversacións entre o Real Vigo Sporting Club e o Real Fortuna Foot-ball Club pronto comezaron a limar as asperezas e a converxer ideas. Co avance das reunións chegou a bo porto o acordo entre ambos e ambos decidiron aceptar a fusión por separado a través do consentimento dos seus respectivos socios en asembleas separadas celebradas o 12 de xullo. Seguindo o roteiro do proceso ideado por Castro, a asemblea constituínte quedou fixada para o venres 10 de agosto nos salóns da Sociedade Gremial de Patronos, coa aprobación duns Estatutos redactados por Juan Baliño, a aceptación dunhas cores identificativas e a elección dun nome que ía acompañar ao equipo.
Unha vez superada a proba estatutaria propuxéronse sobre a mesa ata sete alternativas, como Olímpico, Unión, Galicia, Atlántico, Oliva, Breogán e Celta, descartando cinco delas agás o Olímpico e o Celta, que máis lles gustou. A vontade dos asistentes pronunciouse abertamente a favor deste último, confirmando a do Club Celta como o elixido. En canto ás cores non houbo discusión, serían as da Selección Nacional, camisa vermella, pantalóns negros e calcetíns azuis con puños brancos, sendo a camisola fundacional substituída apenas un ano despois por outra azul que co paso do tempo pasaría a ser celeste mentres que o pantalón se volveu branco a finais dos anos vinte.
Aberto un prazo de varios días para o rexistro de socios e o preceptivo rexistro no Goberno Civil realizado o pasado día 14, o 23 de agosto foi elixida a xunta directiva, sendo aclamado presidente Manuel Bárcena de Andrés, o Conde de Torrecedeira mentres Manuel R. Cadaval e Manuel Otero Bárcena pasaron a ser vicepresidentes, Gaspar Barreras secretario e José Lago ocupou a tesourería.
Exactamente un mes despois, o 23 de setembro, saltan ao campo Isidro, Otero, Pasarín, Queralt, Balbino, Jacobo Torres, Reigosa, Gerardito, Chicha, Polo e Pinilla para facer historia. Van disputar o primer partido da historia do Celta fronte ó Boavista portugués. E ata hoxe…
O primeiro plantel, nun partido disputado entre o equipo A do Celta e o B para presentarse á afición.
4. Curiosidades
Os cables
O cable inglés e posteriormente o alemán converteron a Vigo nun referente das comunicacións en Europa, pero cando chegaron mellores formas de comunicación, como o cable coaxial, todo quedou obsoleto e en desuso. O cable inglés cesou a súa actividade en 1969, pero aínda hoxe podemos atopar algunhas pistas sobre o que foi.
A carón do peirao dos transatlánticos atopamos seis silos que veñen homenaxear a aquelas bobinas xigantes onde se enrolaba o cable. Actualmente con moitas imaxes explicativas sobre o que supuxo a chegada do cable a Vigo.
Pero se o que queremos é ver literalmente a historia, podemos acudir aos areeiros de Alcabre, onde coa marea baixa podemos observar literalmente os fósiles dos cables que transmitían todas as comunicacións de Europa ao resto do mundo hai 100 anos.
Cables ciscados e mimetizados co entorno na praia de Alcabre
Inaugurando os campos alleos cun tartazo na cara
O habitual á hora de estrear un campo de fútbol é concertar un amigable con alguén para que a afección local poida gozar do seu equipo no seu novo feudo. Isto último de facer gozar ao local non ía moito cos pais do Celta. Que llo digan ao xa desaparecido Real Club Coruña, que inaugurou o seu campo de Monelos perdendo 1-7 ante o Vigo FC. Ou o Real Club Deportivo de la Sala Calvet, estreando un primitivo campo de Riazor unha semana despois cunha derrota por 1-3 ante o Real Fortuna FC.
Xogadores do Real Coruña e o Vigo FC na estrea do campo de Monelos
O escudo do Real Fortuna era vermello
Ao parecer no museo do Celta están expostos varios escudos dos equipos que orixinaron o Celta, destacando o escudo da Fortuna de cor negra. Tras unha investigación en profundidade, en Futbolteca chegaron á conclusión de que o escudo non era negro, senón vermello, e que o Celta podería malinterpretar no seu día os tons ao ter que interpretar as fotos en branco e negro. Para velo con imaxes e entendelo mellor, recomendamos este estupendo artigo que lle dedicaron en Futbolteca ao tema.
Tiro ao pombo no campo do Coya
No Campo de Coya non só se falou de fútbol. Alí realizáronse todo tipo de actividades, como equitación ou festivais. A maiores, cando naceu o Sporting Club fíxoo coa vontade de acometer todo tipo de actividades, como regatas ou tiro al pombo, ademais de fútbol. Un mes despois da súa fundación, iniciaron unha negociación para fusionarse co Vigo FC, que non resultou ao principio, pero conseguiuse a autorización para usar o campo de Coya para que o Sporting Club xogase ao fútbol... E para o tiro ao pombo.
Diferentes actividades no campo de Coya
O litoral vigués nos tempos da eclosión do fútbol na cidade
Seguindo coa idea de reflexar cómo era Vigo neses tempos, faremos tamén repaso do litoral, de areal en areal. A maioría, xa non existen hoxe polo impacto directo da industrialización da cidade, ou a expansión do núcleo urbán hacia o mar.
Praia de Bouzas (Do Adro): O areal que hai na fachada sur de Bouzas, hoxe sepultado polo paseo, a praza, o recheo e todo o que rodea á Igrexa
Praia de Coia: Iba dende a curva de San Gregorio ata Bouzas, onde hoxe están os astaleiros
Praia de San Sebastián: En Beiramar, fronte ó antiguo cementerio Picacho, onde hoxe está a gasoliñeira. Tiña una das Casas de baños da vila.
Praia de San Francisco: O Berbés, en diferentes momentos da historia. No grabado mesmo vese o antigo baluarte de San Telmo, parte da muralla de Vigo, a cal demoliuse a finais do XIX.
Praia Guixar: Areal, Alameda, Montero Ríos... Aquí estaba a primeira fábrica de conservas da cidade, e tamén os primeiros astaleiros de Barreras. Xerme do motor da cidade nas seguintes décadas.
Praia de Samil: A pesar de non ter desaparecido, o implacable impacto do progreso nesta zona é evidente, hoxe en día case nada do que era. Nas imaxes, tomas aéreas en 1946 e na actualidade
Agradecementos profundos ao grupo de Facebook RecuerdaVigo e á páxina de La Futbolteca por darnos o consentimento para poder dispor das imaxes e a información necesaria para facer posible esta publicación.
RecuerdaVigo é unha páxina de Facebook cunha gran base de datos de fotos antigas e imaxes da nosa cidade, de visita obrigada, seguimento e difusión.
La futbolteca é unha verdadeira enciclopedia do fútbol, conseguida despois de 30 anos de duro traballo e investigación sobre as raíces e evolución dos clubs de fútbol españois. Tamén unha visita obrigada e difusión.
Xente que se esforza para que todos aprendamos algo máis.
Fontes
La Futbolteca: